3 dic 2012

Capítulo 8.- Pesadelos e peixes de cores..- Do Texto Chaid Baladi .. ou a hestoria curta dunha viaxe curta que ainda non rematou.





A noite asubiou e trouxo aos meus soños os crocodrilos do Nilo, os chacais do Deserto, serpes de Cesta Troiteira co son dun punteiro ao lonxe. Febre e pesadelos, suores, espritus fixados na  retina. Pasan as horas e a noite medra coma unha enredadeira, tupindo a realidade nese espazo diáfano entre e vida e a morte do dia.





Naquela prisión do mar, o peirao era unha chave de pedra, que penetra na fechadura da baia, con picaportes de madeira petroleada. No punteiro  do espigón, unha morge improvisada, patelas de cadaleito, prañideiras barbadas, mortallas de anzois, sal e xeo coma ultimo rezo, cadáveres coa mirada mol, esquelas húmidas depositadas sobre as panzas brancas. Xurelos asustados de corpo presente, esperan  un digno funeral; Morenas pementa, Peixes lagarto de area, Peixes esquío xigantes, Cirúxanos alargados, Barbeiros lisos, Cardeais de listas laranxas, Fusileiros de Suez,  Bolboretas enmascaradas, Beizos  doces de manchas negras, Choupas cincentas, Vellas cola de lira, Lábridos esplendorosos, Doncelas circenses, Vellas trompeteiras, Lábridos limpadores, Salmonetes de barbillón longo, Peixes cristal, Namorados moteados, Peixes anxo emperadores, Damiselas de ventre branco, Peixes paiaso, Loros dentóns,  Xaboneiros de seis raias, Linguados de leite, Peixes leóns, Peixes escorpións barbudos, Peixes pedra, Cornetas pintadas, Peixes cofre amarelo, Peixes globo enmascarados, Cornudas, Tabeiróns martelo, Raxalátigos, Mantas voadoras, Tartarugas Carey, Gambas chasqueadoras, Cangrexos araña espiñosos, Camaróns paiaso, Ourizos pastel, Estrelas de mármore, Almexas xigantes escavadoras, Babosas pixama, Bailarinas españolas... acompañan ao cadáver. Por entre as maromas, chega xa un intenso olor a loureiro, a chicharro afumado, a allo fresco, fumata branca da  hambruna.


No dique, de abrigo, garlopa en man, morenos liliputenses afeitan finamente as cadernas. A cada pasada do cepillo, despréndese  un rizo de ouro de querubín, xergón de viruta, astelas e serrin fan o berce da quilla durmida. Trencha, martelo, mazo, aixola, berbequí, arman o esquelete do animal mariño.

Mariñeiros con argazos no pelo, de branca barba como lixa de sal, miran o mar mentres a súa pel seca a última marea. 


No asteleiro medieval, unha enorme maquina laranxa vomita fume, con forza titánica empurra terra dentro o enorme bocoi. As duelas  do cascaron falan, estalan, se queixan... mentres por elas escorrega a iagua coma a pasta recen feita... Os arneiros, cobren a panza desta cetáceo de madeira.
Nenos  baixo o casco, deitan táboas aceitadas ao paso deslízante do monstro poseidonico. Nenos pingando e mirando de esguello a pel do Argos.

O sol se oculta xa tras os afociñados cascos, de sol a sol e con sol, é a xornada de traballo.


No centro da vila, espéranos a Mezquita taberna, onde hoxe os fieis pregarán por un gol. Comezou o encontro, árabes contra árabes, 24 rezos no campo. Opio na esperanza, soños esféricos para quen asume seu futuro incerto.Vitoria imposible.

Arxélia perdíu o partido e os favores do profeta. Ledicia, danzas, cánticos berros do deserto, lume, lume ,lume, de biqueira.




Do Texto Chaid Baladi .. ou a hestoria curta dunha viaxe curta que ainda non rematou.Fran del Buey – Cándido Soria
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

fala