2 abr 2012

Cap 2- Ghatos. Do Texto Chaid Baladi .. ou a hestoria curta dunha viaxe curta que ainda non rematou.


Capitulo 2.-  Ghatos.

Amaneceu.. ou mellor dito transitou a noite. A habitación descóbrese aos poucos, nun lusco e fusco invertido, luz preñada de palmeiras e oasis filtrándose entre as entornadas contras  do pombal.

Billas ferruxentas, moribundos, electrodomésticos, sorprendente mencer nunha estancia doutro tempo, calabozo esconchado, paredes esgotadas, tubarias que aturuxan.

No derradeiro piso da torre da miseria, agóchase un café clandestino, grandes fiestras insomnes, cortinas de pano gastado ocultan a inmensidade do formigueiro, camareiras cos beizos pintados a tres cores, sorpresa nos rostros da parroquia e sensacións de aplastamento. Fora ruído, ruído, ruído, muito ruído.
Paso a paso, entre bulevares e rúas retortas,  prazas ateigadas e outeiros inhóspitos, golpe a golpe entre militares e pazos de xustiza, entre vidros espellados e destinos inexorábeis, corpo a corpo entre sunitas e chiitas entre  mesquitas e cibershops,  verso a verso entre xente que sorrí.

Mentres, os libreiros,  venden leises na rúa...

Topar o río, buscar a identidade, orientarse coa corrente, lembrar ante absurda manía de contemplar, chorar relamendo as gotas de sal, pensar mentres as follas secas  baixan navegando. 


Pontes, que a duras penas atravesan o caudal, pontes de namorados, ollos da ponte, ollos na ponte,  ollos do chador, ollos do nicad, ollos do hiyad, ollos vidrosos, ollos de azibache pulido, ollos de orballo, ollos luxuriosos que se miran tras os panos, ollos...  a corneta do barco chufla ao seu paso..
Travesía da  cidade. Segimos a indicación do mestre "Chegar, seguindo ao home que porte un cántaro, parar fronte a porta onde unha Gata amamante a súa estirpe" .



De novo a noite sen piedade, oculta as senhas do caminho. Os sonhos se agolpan e pelexan por saír na morada dos ghatos.


Do Texto Chaid Baladi .. ou a hestoria curta dunha viaxe curta que ainda non rematou.Fran del Buey – Cándido Soria
Espazo onde presentamos o que anda na nosa cabeza e temos nas nosas casas, froito dunha sensación de que o que se pinta e escrebe nos axudará nun futuro.