24 dic 2012

Capítulo 9.- Entre lusco e fusco na tasca de Salah..- Do Texto Chaid Baladi .. ou a hestoria curta dunha viaxe curta que ainda non rematou.




Hurghada Lusco e fusco.


Salah abu fahmy serra un tubo de ferro na escura tasca, premendo del cun un pe coma o Laocoonte pelexando cunha serpe de prata , súa por todos os poros da súa pel cobriza coma o ferreiro da fragua de Vulcano, ao fin afoga o tolo da torca entre mans de chumbo e esparto coma Saturno devorando ao seu fillo. A pingueira cesou de contar  insoportablemente o tempo na súa casa…





No interior, so ten vellas teteiras omeya, cacharros suxos, cunquiñas de Sucre, mostrador de cupro-níquel cheo de filigranas, albardas de coiro para os cartos, culleres de guerra, un calendario cos primeiros versos do corán,  e sempre unha cadeira onde se sentar.

Salah insomne e canso, nos invita a pasar pousando a súa man na caixa do corazón, e un doce e imperceptible As-Salaam alei-kum, salah fillo do deserto non esquece a súa promesa de aliviar ao camiñante perdido, co agasallo do fumeante chaid baladi..



Senta, adiviñando que marcharemos, que xamais nos veremos...  orgulloso, sorrí mostrando fotos da súa filla, “Sara” é di, "significa mel", iso é canto é Salah , iso é canto quere, iso é canto lembro…  bo e xeneroso, coma único pago so aceitou  un Waa ali-kum Salaam pronunciado silandeiro, xa na lonxania.



A caravana discrecional ponse en marcha, o  sol atravesa o plano do horizonte e pasa do hemisferio visible ao non visible, cegándonos un apocalíptico solpor. As xanelas do autobús son mil espellos oscilantes,  o retrovisor un pulido escudo aegis, onde se reflexan as gorgonas durmidas, a medusa voando nas  montañas laranxas, a filla de fordis follando con perseo no deserto dourado, a filla de ceto sumerxindose decapitada no vermello mar. Por fin, raiolas verdes coma un kiwi, atravesan o invernadoiro de butacas, o crepúsculo invade o sendeiro, a fusión nuclear acompaña ao ultimo rezo do dia, o "magrit" agónico que brota do afónico altofalante, namentres o condutor recita o último versiculo asonante.  



Xa é mais fusco que lusco cando nos perdemos unha vez mais na lonxania.

 

Marchar, camiñar, andar, voar, ke mais ten... .



.
Do Texto Chaid Baladi .. ou a hestoria curta dunha viaxe curta que ainda non rematou.Fran del Buey – Cándido Soria
 



No hay comentarios:

Publicar un comentario

fala